mércores, 18 de decembro de 2024

AS TRADICIÓNS DO NADAL EN GALICIA

Preparados para mergullar nas tradicións do Nadal en Galicia?

"O Apalpador", de Leandro Lamas

Imos escoitar as voces dos nosos locutores de 3º de Primaria, que nos van descubrir as Tradicións do Nadal en Galicia a través dun novo Podcast de Radio Camosiña.

Queredes saber como se celebra esta época tan especial na nosa terra? 
Dende o mítico Apalpador, que visita aos nenos para comprobar se comeron ben durante o ano, ata as entrañables panxoliñas que soan polas rúas ou o Tizón de Nadal, estas Festas en Galicia están cheas de costumes e tradicións.

Premede no seguinte enlace para escoitalos:


Ademais, aproveitamos para presentarvos a nova imaxe da nosa radio escolar.

Camosiña está lista para conectar con todos os oíntes!
Sintonizade Radio Camosiña e deixade que a maxia do Nadal vos envolva!



RECOMENDACIÓNS DE LECTURA PARA O NADAL

 De cara ás vacacións de Nadal, os Equipos de Dinamización do Galego e Biblioteca, enviámosvos unhas recomendacións de lecturas para que os vosos fillos e fillas, e tamén vós, poidades desfrutar de lecturas en galego, variadas e enriquecedoras.

Como desexo especial para este Nadal, animámosvos a que sigades promovendo o uso da nosa lingua na casa, falando galego no día a día, e así contribuir a manter viva esta riqueza cultural.

Desexámosvos unhas Festas cheas de felicidade e momentos compartidos! 

  



xoves, 12 de decembro de 2024

BIBOPALULA, nova serie de animación en Galego

BIBOPALULA é unha nova serie de animación musical en galego protagonizada por catro paxariños: Pegui, Carpin, Robin e Merli, que forman A Banda do Bosque. 

Estes amigos curiosos e músicos viven aventuras no bosque mentres interpretan cancións orixinais que introducen aos máis pequenos no ritmo e na melodía, ao tempo que aprenden sobre a natureza, o comportamento das aves, o impacto humano no medio ambiente e, sobre todo, o valor da amizade.

Creada por Laura Mahía e Andrés Mahía, a serie conta con 55 episodios de 5 minutos cada un e está dispoñible gratuitamente en https://www.xabarin.gal/ e nas aplicacións da TVG.

Ademais, 'Bibopalula' incluirá unha unidade didáctica para traballar a música e a lingua galega nas escolas, con actividades que se poderán complementar coa visita dos personaxes aos centros educativos.

Con cancións compostas por Santi Jul e Iván Laxe e as voces de recoñecidos actores galegos como Marta Lado ou Xosé Antonio Touriñán, esta serie busca ser unha porta de entrada ao galego e á música para nenos e nenas.

 Os primeiros 20 capítulos xa están dispoñibles nesta proposta innovadora e divertida para toda a familia.