domingo, 14 de decembro de 2025

No Nadal imos cantar

 O Nadal está aquí e non hai excusa para non cantar 🎶✨

“No Nadal imos cantar” é a canción perfecta para cantar nestas Festas.
Deixa que as voces se xunten e enchan a casa de ledicia!


NO NADAL IMOS CANTAR

No Nadal imos cantar

Baixo as estrelas a brillar

Frío nos dedos, quentura no peito

O vento fala e nós gardamos silenzo


Imos cantar, imos bailar

As luces danzan no lugar

No Nadal

No Nadal

Tódalas voces a soar


A lareira acesa a chispear

Contos de antes que fan soñar

O pan no forno, calor do fogar

A risa longa que non quere parar


Imos cantar, imos bailar

As luces danzan no lugar

No Nadal

No Nadal

Tódalas voces a soar


E cando o día vai marchar

Baixo a lúa imos brindar

Polos amigos, polos amores

E por futuros cheos de cores


Imos cantar, imos bailar

As luces danzan no lugar

No Nadal

No Nadal

Tódalas voces a soar











Recomendacións lectoras para o Nadal

Xa podedes consultar as Guías de Lectura: nelas atoparedes unha selección de títulos para diferentes idades e intereses, pensada para espertar o gusto e a curiosidade pola lectura.

Nas guías aparecen 8 versos do poema Galicia, de Manuel María, como un pequeno aceno á nosa lingua e á nosa terra, e como invitación a achegarse á lectura desde a emoción.

Galicia é o que vemos:

a terra, o mar, o vento…

Pero hai outra Galicia

que vai no sentimento!

Galicia somos nós:

a xente e máis a fala

Se buscas a Galicia,

en ti tes que atopala!

Agardamos que vos resulten útiles e, sobre todo, que vos animen a descubrir novas historias.




mércores, 10 de decembro de 2025

Descubrindo a Provincia de Pontevedra

 As nenas e nenos de 4º de Primaria prepararon un podcast moi especial no que nos levan de viaxe pola provincia de Pontevedra, de sur a norte. Durante esta viaxe contan curiosidades, describen lugares sorprendentes e comparten o que máis lles chamou a atención de cada sitio.

O obxectivo do podcast é coñecer mellor o noso entorno, aprender a describir lugares e practicar a expresión oral… pero sobre todo, gozar, porque Galicia está chea de espazos máxicos que merecen ser descubertos. 🌈✨

🧭🌊 Un percorrido cheo de paisaxes, historia e natureza

A nosa ruta comeza no Monte Trega 🏞️, na Guarda, cunha vista impresionante da foz do Miño e cun dos castros máis importantes de Galicia. Seguindo a costa,  pasamos pola Virxe da Rocha 🗿 e polo castelo de Monterreal en Baiona 🏰. Despois, pasamos polo Templo Votivo do Mar ⛪ en Panxón

Camiñando cara ao norte atopamos  lugares con moito encanto como Combarro 🌅, cos seus hórreos ao pé da auga. E, por suposto, non nos esquecemos das fermosísimas  illas Cíes 🏝️✨.

No interior visitamos espazos naturais como os Muíños do Folón e do Picón 🌾 ou a impresionante fervenza do Toxa 💦 

🎧💬 Un podcast feito con moita ilusión 🌟✨

Cada alumno e alumna participa cun pequeno fragmento, explicando un lugar diferente. 

Este traballo combina:

  • 🔎 Investigación

  • 🗣️ Expresión oral

  • 📖 Lectura en voz alta

  • 🧠 Organización da información

  • 🤝 Traballo en equipo

E, sobre todo, permitiunos descubrir que vivimos nunha provincia chea de tesouros: praias 🏖️, historia 🏺, arte 🎨, natureza 🌿 e moita cultura 📚.

🎙️🎧 Escoita o noso podcast!

Aquí vos deixamos o podcast completo para que poidades desfrutalo.
✨ Agardamos que vos guste tanto como a nós preparalo ✨

Seguiremos explorando Galicia e aprendendo xuntos.
Ata a próxima aventura! 🚀🌈

 



xoves, 4 de decembro de 2025

Pasatempos de Nadal

Esta semana, inspirándonos en propostas de PidoPapas, o alumnado gozou dunha xornada chea de pequenos retos: resolveron un enigma que os levou ao significado dun refrán, ampliaron vocabulario de Nadal cun encrucillado, descubriron animais propios desta época —incluído o raposo e o seu rabo-manta— e remataron ordenando letras para atopar nomes de postres típicos. Un xeito divertido e rápido de aprender mentres celebramos o espírito do Nadal!






domingo, 30 de novembro de 2025

Lupo e Lobi Lobi lévannos de paseo por Pontevedra

As mascotas de Ed. Infantil, os lobiños Lupo e Lobi Lobi, e tamén Camosiña, a mascota da Biblioteca do CEIP da Cruz,  lévannos dar un paseo por algúns dos lugares que se poden visitar na provincia de Pontevedra.

Aquí podedes escoitar a canción:





xoves, 20 de novembro de 2025

Tíralle da Lingua

 Por 2º ano consecutivo o noso cole participa no concurso de relato oral "Tíralle da Lingua"


Contaron as súas historias en total 6 nenas e nenos de 5º e 6º de Primaria.
Algunhas das historias contadas foron inventadas por eles, como "A noite de Samaín", "A serea de Sálvora" ou "As meigas do do Nadal e do Samaín". 
Tamén participaron con "A lenda da meiga de Viveiro", de "Galicia Encantada", ou un anaquiño do fermosísimo libro "Memorias dun neno labrego", do escritor Xosé Neira Vilas.

"Tíralle da lingua" é un proxecto da AS-PG, dirixido ao alumnado e profesorado, co obxectivo de incentivar e normalizar o uso oral da nosa lingua, converter o idioma en instrumento de comunicación normal, de creación e recreación de historias, de lingua de uso do noso sistema educativo, en definitiva, de devolverlle ao galego o espazo que lle corresponde. 

E sobre todo, asegurar a competencia na fala entre o noso alumnado.



luns, 20 de outubro de 2025

O SAMAÍN

Coñecemos a orixe e as lendas do Samaín:

 

Cóntanolo moi ben aquí:

Samaín/Defuntos/Halloween

Pola nosa parte, ademais da típica festa de Outono, fixemos un mural ben chulo na entrada do cole: 


E recibimos a visita da actriz e titiriteira Carmen Domech, que nos contou unhas historias de medo e nolo fixo pasar fenomenal cos seus monicreques.

Nas clases traballamos cos materiais que nos deixou, para montar un pequeno teatriño de Samaín: 


 



venres, 10 de outubro de 2025

HIMNO GALEGO

Este curso imos aprender moitas cousas sobre Galicia, e para empezar escollemos algo moi importante: o Himno Galego

É como a que representa a todos os galegos e galegas.

Quen fixo o himno?

  • O poeta Eduardo Pondal escribiu a letra, co seu poema "Os Pinos"

  • O compositor Pascual Veiga fixo a música. 
De que fala o himno?

O himno dinos que debemos estar orgullosos da nosa terra, da nosa lingua e da nosa maneira de ser. Anímanos a estar unidos e a coidar o que nos fai especiais.

Por que é importante?

Porque cada vez que soa, lembramos quen somos, de onde vimos e todo o que Galicia ten para ofrecer. 

É unha forma de dicir: “Aquí estamos, e estamos orgullosos da nosa terra!”

Que din os rumorosos
na costa verdecente,
ao raio transparente
do prácido luar?
¿Que din as altas copas
de escuro arume arpado
co seu ben compasado
monótono fungar?
Do teu verdor cinguido
e de benignos astros,
confín dos verdes castros
e valeroso chan,
non des a esquecemento
da inxuria o rudo encono;
desperta do teu sono
fogar de Breogán.
Os bos e xenerosos
a nosa voz entenden
e con arroubo atenden
o noso ronco son,
máis sóo os iñorantes
e féridos e duros,
imbéciles e escuros
non os entenden, non.

Os tempos son chegados
dos bardos das edades
que as vosas vaguedades
cumprido fin terán;
pois, donde quer, xigante
a nosa voz pregoa
a redenzón da boa
nazón de Breogán.







luns, 6 de outubro de 2025

"CoñezCamos Galicia"

"CoñezCamos Galicia": o novo proxecto de centro


Este curso iniciamos unha aventura compartida: o noso proxecto de centro estará dedicado a Galicia, á súa riqueza cultural, histórica e natural. 

A idea é achegar ao alumnado á realidade que o rodea, reforzar o coñecemento do territorio e poñer en valor todo aquilo que nos identifica como pobo.


 **Por que Galicia? **

Porque vivimos nela, aprendemos nela e medramos nela. 

Galicia é moito máis que un lugar no mapa: é unha paisaxe, unha lingua, unha historia, unha música, unha gastronomía, unha maneira de ser. 

Queremos que o alumnado descubra todo isto cunha mirada curiosa e activa.


 **Que imos traballar?**

Ao longo do curso exploraremos diferentes ámbitos:

XEOGRAFÍA: ríos, montes, comarcas, espazos naturais, contos e lendas asociadas.

HISTORIA: dende a Prehistoria galega ata a Galicia contemporánea, coñecendo personaxes, etapas e fitos relevantes.

LINGUA E LITERATURA: autores e autoras galegas, contos tradicionais, refraneiro, cantigas, poesía, música popular…

ARTE E PATRIMONIO: arquitectura, hórreos, cruceiros, románico, castros, museos e creacións artísticas actuais.

CULTURA E TRADICIÓNS: festas, oficios tradicionais, gastronomía e costumes que forman parte da nosa identidade.


**Un proxecto vivo e participativo**

O proxecto desenvolverase a través de actividades integradas nas distintas materias: investigacións, exposicións, saídas culturais, creación de materiais, talleres e pequenas celebracións ao longo do ano. 

O obxectivo é que o alumnado se sinta parte activa, que descubra Galicia dende unha perspectiva crítica e creativa.


**Un camiño que facemos en comunidade**

Como sempre, este proxecto é unha oportunidade para fortalecer a convivencia e a colaboración entre profesorado, alumnado e familias. 

Miradoiro do Piricoto do Vilar
                                    
Petróglifo en Camos
                                                     

Tendo como punto de partida Camos, iremos descubrindo os lugares máis emblemáticos da Provincia de Pontevedra, despois pasaremos a Ourense e Lugo, e remataremos na Coruña.

Contamos coa vosa participación para facer deste ano unha viaxe memorable.






mércores, 28 de maio de 2025

Letras Galegas 2025 no CEIP da Cruz

  Ola, familias e nenos!

O Día das Letras Galegas é unha data moi especial, porque celebramos a nosa lingua e a nosa cultura.

No cole, este ano, ademais de facer unha exposición dos traballos dos nenos, que investigaron e aprenderon moito sobre as mulleres homenaxeadas, fixemos pequenos programas de audio nos que contaron moitas cousas moi interesantes sobre elas.

Fixéronos con moita ilusión, escollendo as palabras e falando en galego con alegría e con orgullo.

Podedes escoitalos premendo nos seguintes enlaces. 

Estamos seguros de que vos van encantar!

 

Eva Castiñeira: 1º de Primaria

Entrevista ás pandeireteiras "As Camoesas": Ed. Infantil 3 e 4 anos

A gaiteira Felisa Vidal: 1ª Ed. Primaria





martes, 13 de maio de 2025

Letras Galegas 2025

 Letras Galegas 2025 (Seminario Galán)

Se canto é porque quero:

Se canto é porque quero' é a serie documental das Letras Galegas 2025 producida pola Real Academia Galega.

O primeiro capítulo, dedicado a Rosa e Adolfina Casás Rama, conta coa participación de Richi Casás, Mercedes Peón e Antón Santamarina:



O segundo capítulo, dedicado ás Pandeireteiras de Mens, conta cos testemuños de Isabel García Quintela e Manel Fernández Pensado, presidenta e presidente de honra da Agrupación Folclórica Aturuxo da Coruña, da que formaron parte as cantareiras de Malpica de Bergantiños; as cantareiras da Asociación Cultural Raigañas de Cerqueda (Malpica de Bergantiños), e Carme e Uxía da Pontragha:


O terceiro capítulo, dedicado a Eva Castiñeira, conta coa participación de Tereixa Novo, Carmen Vázquez e Pedro Lucas (Fuxan os Ventos), Felisa Segade (Leilía) Martín Mondragón (Mondra), Sabela Caamaño e Antía Ameixeiras (Caamaño&Ameixeiras), o alumnado do CEIP Os Muíños (Muxía) e integrantes do Regueifa Tour:
 
Danza de Agranzón:








mércores, 2 de abril de 2025

Materiais para celebrar o Día das Letras Galegas 2025

 A pandeireteira muxiá Eva Castiñeira

 
  A celebración do Día das Letras Galegas 2025 está moi preto. 

Deixamos aquí unha ampla variedade de recursos e materiais didácticos para traballar co alumnado:

  •  O PORTAL DA LINGUA GALEGA, con un pequeno resumo sobre as cantareiras homenaxeadas e moitas propostas de diferentes centros educativos:

https://www.lingua.gal/letras-galegas?content=/Portal-Lingua/Contido/iniciativa/letras-galegas/contido_0063.html

 

  •           APRENDE COAS MULLERES GALEGAS, materiais da Dirección Xeral de Promoción da Igualdade, con UDIs sobre as cantareiras homenaxeadas:

https://igualdade.xunta.gal/sites/default/files/files/documentos/cantareiras_aprende_coas_mulleres_galegas.pdf

 e tamén sobre Dorothé Schubarth, a etnomusicóloga que transcribiu as melodías no Cancioneiro Popular Galego:

https://igualdade.xunta.gal/sites/default/files/files/documentos/dorothe_schubarth_aprendecoasmulleresgalegas_34.pdf

 

  •          PRIMAVERA DAS LETRAS, da Real Academia Galega, con materiais didácticos e lúdicos:

https://primaveradasletras.gal/

 

  •          SEMINARIO GALÁN, cun montón de recursos sobre as cantareiras e a tradición oral, para todos os cursos de Infantil e Primaria: 

 

  •          POLAFÍA, sección de Literatura Oral da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, onde aparecen centos de vídeos de recollas:

https://www.aelg.gal/Polafias/

 

  •          APOI, Arquivo do Patrimonio Oral da Identidade do Museo do Pobo Galego, con rexistros sonoros e audiovisuais: 

 

  •          AGO, Arquivo do Galego Oral do Instituto da Lingua Galega, con gravacións e transcricións de textos, situándoos no mapa de Galicia:

https://ilg.usc.gal/ago/

 

  •          TILG, Tesouro Informatizado da Lingua Galega, da USC, onde podemos buscar coplas tradicionais:

https://ilg.usc.es/TILG/gl/tilg

 

  •          AXUDÁDEME A CANTAR, do Consello da Cultura Galega, documental  de seis capítulos que pon en valor o canto acompañado con percusión de man:                                                                                                                            

https://consellodacultura.gal/especiais/axudademe-a-cantar/

e tamén entrevistas á mesma Dorothé Schubarth:

https://www.aelg.gal/Polafias/ShowMestre.do?id=22

 

  •          CANCIONEIRO POPULAR GALEGO, da Fundación Barrié, onde veñen letras, melodías e partituras, para descargar: 

 

  • INSTRUMENTOS MUSICAIS GALEGOS, do Consello da Cultura Galega, onde podedes consultar unha descrición dos instrumentos e a súa historia, material gráfico e audiovisual de cada un deles:

https://consellodacultura.gal/asg/instrumentos/indice-de-instrumentos/


 

 

venres, 28 de marzo de 2025

Podcast: Patrimonio Oral Galego

 


🎙️ Podcast Especial: Patrimonio Oral Galego 🎙️

Os alumnos e alumnas de 4º presentan este podcast dedicado ao Patrimonio Oral Galego, unha viaxe a través das historias, lendas e voces que forman parte da nosa identidade. 

Con este traballo, celebramos o 30º aniversario de Ponte...nas Ondas!, un proxecto que leva tres décadas poñendo en valor a tradición oral e a comunicación nas escolas.

📢 Prepara os auriculares e déixate levar polas voces do noso pasado, que seguen vivas no presente!

#PonteNasOndas #PatrimonioOral #PodcastEscolar 🎧


Podes escoitalos premendo no seguinte enlace de Radio Camosiña:

Patrimonio Oral: 30 aniversario de Ponte... nas ondas! 



 

 

 

venres, 21 de marzo de 2025

Podcast especial: Día da Poesía

 

Hoxe, 21 de marzo, conmemoramos o Día Mundial da Poesía, unha xornada para celebrar a beleza das palabras e o poder da rima e do ritmo. 

No CEIP da Cruz, quixemos darlle voz á nosa lingua e á nosa tradición poética cunha actividade moi especial: o alumnado de 1º de Primaria recitou "O Galo", un fermoso poema de Luis Amado Carballo.

Con esta actividade puxemos unha pequena semente poética nos nosos nenos e nenas, unha semente que agardamos que medre e floreza ao longo das súas vidas.

Podedes escoitalos premendo no seguinte enlace:

Día da Poesía 2025 



 

 

domingo, 16 de marzo de 2025

A voz das pandeireteiras no 8M, Día da Muller

Os nenos e nenas de Infantil 5 anos fixeron este podcast para celebrar o Día da Muller, entrevistando á pandeireteira e cantora Leni Pérez, que conectou aos pequenos coa cultura galega e destacou o papel das mulleres na música tradicional, que conservaron, crearon e seguen transmitindo a cultura galega nas súas cantigas.

Ademais, Leni Pérez visitou o cole, onde impartiu un obradoiro sobre Música Tradicional, cantando e presentando os moitos instrumentos de percusión que poden acompañar á voz.

A través da conversa con Leni, os peques aprenderon a importancia de preservar as nosas raíces e de loitar pola igualdade de xénero.

Podedes escoitalos premendo no seguinte enlace:

A voz das pandeireteiras no Día da Muller

 






venres, 28 de febreiro de 2025

ENTROIDO NO CEIP DA CRUZ

Para celebrar o noso Entroido, inventamos unhas coplas que falan da importancia do coidado do noso Planeta, dentro do Proxecto de Centro deste curso, "Ciencia que coida e preserva".

Para cantalo, escollemos unha melodía dunha das cantareiras homenaxeadas este ano no Día das Letras Galegas, Eva Castiñeira:  



 

mércores, 26 de febreiro de 2025

Podcast: Os gardiáns do Planeta

Este é o título do novo Podcast da nosa radio online "Radio Camosiña"

Desta vez, as nenas e nenos de 4º de Primaria son os que nos contan a situación na que se atopa o Planeta Terra, e a importancia de coidalo e preservalo.

Podedes escoitalos no seguinte enlace:

Os gardiáns do Planeta



martes, 18 de febreiro de 2025

Podcast: Día de Rosalía de Castro

 O 23 de febreiro celebramos o Día de Rosalía de Castro, día no que festexamos o aniversario de nacemento da autora máis universal das nosa lingua.

Nesta ocasión, as nenas e nenos de 2º de Primaria, preséntanos este podcast sobre a súa figura:

Rosalía de Castro, a nosa poeta soñadora



 

 

venres, 24 de xaneiro de 2025

Certame "As Imaxes do Patrimonio"

 
Estimadas familias,  
 
Convidámosvos a participar no 8º Certame "As imaxes do patrimonio", unha iniciativa que busca transmitir o noso patrimonio cultural inmaterial ás novas xeracións. O alumnado debe buscar fotografías antigas (anteriores a 1970) nos álbums familiares, preguntar polo seu contexto e elaborar un texto ou podcast explicativo. Puntos clave:
  • Dúas categorías: Infantil/Primaria e Secundaria/Bacharelato/Ciclos Formativos
  • Enviar fotos dixitalizadas con texto explicativo
  • Opción de participar con podcast (máximo 5 minutos)
  • Premios: ordenadores portátiles, tabletas e cámaras fotográficas
Enviade as vosas achegas a certame@escolasnasondas.com Esta actividade é unha excelente oportunidade para que as familias compartan as súas historias e tradicións cos máis novos, fortalecendo así os lazos entre xeracións e preservando o noso valioso patrimonio cultural.