luns, 20 de outubro de 2025

O SAMAÍN

Coñecemos a orixe e as lendas do Samaín:

 

Cóntanolo moi ben aquí:

Samaín/Defuntos/Halloween

Pola nosa parte, ademais da típica festa de Outono, fixemos un mural ben chulo na entrada do cole: 


E recibimos a visita da actriz e titiriteira Carmen Domech, que nos contou unhas historias de medo e nolo fixo pasar fenomenal cos seus monicreques.

Nas clases traballamos cos materiais que nos deixou, para montar un pequeno teatriño de Samaín: 


 



venres, 10 de outubro de 2025

HIMNO GALEGO

Este curso imos aprender moitas cousas sobre Galicia, e para empezar escollemos algo moi importante: o Himno Galego

É como a que representa a todos os galegos e galegas.

Quen fixo o himno?

  • O poeta Eduardo Pondal escribiu a letra, co seu poema "Os Pinos"

  • O compositor Pascual Veiga fixo a música. 
De que fala o himno?

O himno dinos que debemos estar orgullosos da nosa terra, da nosa lingua e da nosa maneira de ser. Anímanos a estar unidos e a coidar o que nos fai especiais.

Por que é importante?

Porque cada vez que soa, lembramos quen somos, de onde vimos e todo o que Galicia ten para ofrecer. 

É unha forma de dicir: “Aquí estamos, e estamos orgullosos da nosa terra!”

Que din os rumorosos
na costa verdecente,
ao raio transparente
do prácido luar?
¿Que din as altas copas
de escuro arume arpado
co seu ben compasado
monótono fungar?
Do teu verdor cinguido
e de benignos astros,
confín dos verdes castros
e valeroso chan,
non des a esquecemento
da inxuria o rudo encono;
desperta do teu sono
fogar de Breogán.
Os bos e xenerosos
a nosa voz entenden
e con arroubo atenden
o noso ronco son,
máis sóo os iñorantes
e féridos e duros,
imbéciles e escuros
non os entenden, non.

Os tempos son chegados
dos bardos das edades
que as vosas vaguedades
cumprido fin terán;
pois, donde quer, xigante
a nosa voz pregoa
a redenzón da boa
nazón de Breogán.







luns, 6 de outubro de 2025

"CoñezCamos Galicia"

"CoñezCamos Galicia": o novo proxecto de centro


Este curso iniciamos unha aventura compartida: o noso proxecto de centro estará dedicado a Galicia, á súa riqueza cultural, histórica e natural. 

A idea é achegar ao alumnado á realidade que o rodea, reforzar o coñecemento do territorio e poñer en valor todo aquilo que nos identifica como pobo.


 **Por que Galicia? **

Porque vivimos nela, aprendemos nela e medramos nela. 

Galicia é moito máis que un lugar no mapa: é unha paisaxe, unha lingua, unha historia, unha música, unha gastronomía, unha maneira de ser. 

Queremos que o alumnado descubra todo isto cunha mirada curiosa e activa.


 **Que imos traballar?**

Ao longo do curso exploraremos diferentes ámbitos:

XEOGRAFÍA: ríos, montes, comarcas, espazos naturais, contos e lendas asociadas.

HISTORIA: dende a Prehistoria galega ata a Galicia contemporánea, coñecendo personaxes, etapas e fitos relevantes.

LINGUA E LITERATURA: autores e autoras galegas, contos tradicionais, refraneiro, cantigas, poesía, música popular…

ARTE E PATRIMONIO: arquitectura, hórreos, cruceiros, románico, castros, museos e creacións artísticas actuais.

CULTURA E TRADICIÓNS: festas, oficios tradicionais, gastronomía e costumes que forman parte da nosa identidade.


**Un proxecto vivo e participativo**

O proxecto desenvolverase a través de actividades integradas nas distintas materias: investigacións, exposicións, saídas culturais, creación de materiais, talleres e pequenas celebracións ao longo do ano. 

O obxectivo é que o alumnado se sinta parte activa, que descubra Galicia dende unha perspectiva crítica e creativa.


**Un camiño que facemos en comunidade**

Como sempre, este proxecto é unha oportunidade para fortalecer a convivencia e a colaboración entre profesorado, alumnado e familias. 

Miradoiro do Piricoto do Vilar
                                    
Petróglifo en Camos
                                                     

Tendo como punto de partida Camos, iremos descubrindo os lugares máis emblemáticos da Provincia de Pontevedra, despois pasaremos a Ourense e Lugo, e remataremos na Coruña.

Contamos coa vosa participación para facer deste ano unha viaxe memorable.