luns, 28 de outubro de 2024

TRADICIÓNS DE DEFUNTOS

Hoxe pola mañá tivemos unha visita moi especial no colexio: Borxa González Castro, creador de Orgullo Galego, estivo connosco para contarnos sobre as antigas tradicións de Defuntos en Galicia. 


A través da súa canle de Twitch e da súa conta de Instagram e de Facebook, Borxa leva anos divulgando e estudando os ritos máis típicos desta festa, e grazas a el aprendemos moitas cousas fascinantes.

Falounos das cabazas decoradas, das avelaíñas, que se cría que eran ánimas dos devanceiros, e da Santa Compaña, unha misteriosa procesión de ánimas que aparecía nas noites escuras. 

Ademais, explicounos que, en tempos, deixábase a mesa posta na noite de Defuntos para que os espíritos puidesen “cear” e non se varría a casa polas noites, para non botar fóra as ánimas que viñan a visitarnos. 

Contounos tamén sobre as curuxas, corvos e mouchos, animais dos que se pensaba que traían "malos" presaxios.

Tamén nos contou sobre os colares de zonchos, feitos de castañas cocidas, que os nenos levaban ao cemiterio para honrar aos defuntos:

Borxa ensinounos esta fermosa foto dos anos 60, que se atopa no Museo do Pobo Galego, na que podemos ver a unha nena galega cun colar de zonchos:

Fíxoa Gustav Henningsen, un home que no ano 1965 chegou a unha pequena aldea de Galicia para saber máis sobre as bruxas, sobre as meigas.

Gustav era un investigador de Dinamarca, un país do norte de Europa, e quería descubrir misterios e historias antigas. Pero o que lle sucedeu foi aínda máis especial: viviu dous anos en Ordes, preto de Santiago, e aproveitou para coñecer as tradicións, os ritos e a música que a xente daquela practicaba.

 Grazas a el, hoxe sabemos moito sobre como era esa vida, que en parte xa desapareceu, pero que el axudou a gardar para sempre.

No seguinte enlace podemos escoitar a mesma voz deste estudioso das tradicións, nun podcast da RTVE: 

"Habelas, hainas", o legado de Gustav Henningsen



mércores, 23 de outubro de 2024

SAMAÍN

Achégase o Samaín, a noite máxica.

O Samaín en Galicia é unha antiga tradición celta que celebra o fin da colleita e marca o inicio do inverno. 

Durante esta noite máxica, as familias lembran aos seus defuntos e acenden candeas para guiar as almas dos que xa non están, e tamén se decoran cabazas.

Sabedes que en varias zonas de Galicia, sobre todo nas provincias de Pontevedra e Ourense ás cabazas tamén se lles chama calacús?

O Samaín é unha festa de lume, lendas e misterio, que tamén inspirou o Halloween moderno. 

Aquí deixamos un montón de recursos:

Actividades variadas sobre o Samaín 

Relatos de medo e actividades de Plástica 

TOP Samaín: MÚSICAS

BRINCALETRAS Samaín 

Genially do Samaín

OS BOLECHAS e o Samáin 

Conto: "Indo eu para o Samaín" 

OBRADOIRO DE MEDO

  "Xa chegou o Samaín", resumo sobre a orixe desta tradición:

 
 
 Curtametraxe: "Os defuntos falaban castelao"
 

 

martes, 22 de outubro de 2024

1º Podcast do curso 2024-2025: Ciencia que coida e preserva

Os nenos e nenas de 5º e 6º comezan cos Podcasts que iremos subindo á nosa "Radio Camosiña".


Neste 1º podcast preséntannos o que vai ser o Proxecto do centro neste curso: 

"Ciencia que coida e preserva".

Escoitádeos atentamente, porque nos explican como a Ciencia pode axudarnos a entender e protexer a Natureza, e que podemos facer para coidar o planeta e garantir un futuro mellor para todos.

Premede neste enlace para escoitalos: 

https://www.ivoox.com/ciencia-coida-e-preserva-audios-mp3_rf_135122988_1.html

venres, 4 de outubro de 2024

ANO DE CANTAREIRAS

Este curso temos algo moi emocionante que celebrar! 

A Real Academia Galega anunciou quen recibirá a homenaxe no Día das Letras Galegas do próximo ano: O 17 de maio de 2025 dedicarase ás cantareiras e á poesía popular oral. Que significa isto? Pois que imos lembrar e valorar a todas esas mulleres galegas que foron as creadoras e transmisoras das nosas cancións e tradicións máis fermosas.

A lingua galega continuou viva durante séculos grazas ao pobo galego, e en especial ás mulleres, que foron quen de coidala e transmitila de xeración en xeración. Elas crearon poesía popular, que pasaba de avoas a netas, de nais a fillas, ou entre veciñas, a través das cantigas.

A homenaxe estará representada por seis mulleres galegas que deixaron a súa pegada a través das súas voces e música: Adolfina e Rosa Casás Rama (de Cerceda), Eva Castiñeira (de Muxía), e as Pandereteiras de Mens, que son Prudencia Garrido Ameijende, Asunción Garrido Ameijende e Manuela Lema Villar (de Malpica de Bergantiños). 

 



Estas mulleres foron moi importantes para que non se perdera esta parte tan bonita da nosa cultura e para que non se perdera a nosa lingua.

Ademais, ao longo deste curso, mes a mes, iremos aprendendo unha cantiga de diferentes zonas de Galicia, para coñecer mellor a riqueza musical da nosa terra. 

Este mes comezamos coa Ribeirana de Lira, unha cantiga tradicional que se cantaba moi preto de aquí, en Salvaterra de Miño

E a versión que escoitaremos é do grupo Os Carunchos, que recuperan moitas destas cancións tradicionais e fannas soar marabillosamente.


 

Ímosvos poñer un vídeo do programa Alalá da TVG, no que falan dos seráns

Sabedes que son os seráns? Son festas tradicionais onde a xente se xuntaba para cantar, bailar e tocar música, e así manter vivas as nosas tradicións populares. Era unha forma de compartir momentos de ledicia e unión no pobo.

Estades listos para comezar esta viaxe musical?