Este curso temos algo moi emocionante que celebrar!
A Real Academia Galega anunciou quen recibirá a homenaxe no Día das Letras Galegas do próximo ano: O 17 de maio de 2025 dedicarase ás cantareiras e á poesía popular oral. Que significa isto? Pois que imos lembrar e valorar a todas esas mulleres galegas que foron as creadoras e transmisoras das nosas cancións e tradicións máis fermosas.
A lingua galega continuou viva durante séculos grazas ao pobo galego, e en especial ás mulleres, que foron quen de coidala e transmitila de xeración en xeración. Elas crearon poesía popular, que pasaba de avoas a netas, de nais a fillas, ou entre veciñas, a través das cantigas.
A homenaxe estará representada por seis mulleres galegas que deixaron a súa pegada a través das súas voces e música: Adolfina e Rosa Casás Rama (de Cerceda), Eva Castiñeira (de Muxía), e as Pandereteiras de Mens, que son Prudencia Garrido Ameijende, Asunción Garrido Ameijende e Manuela Lema Villar (de Malpica de Bergantiños).
Estas mulleres foron moi importantes para que non se perdera esta parte tan bonita da nosa cultura e para que non se perdera a nosa lingua.
Ademais, ao longo deste curso, mes a mes, iremos aprendendo unha cantiga de diferentes zonas de Galicia, para coñecer mellor a riqueza musical da nosa terra.
Este mes comezamos coa Ribeirana de Lira, unha cantiga tradicional que se cantaba moi preto de aquí, en Salvaterra de Miño.
E a versión que escoitaremos é do grupo Os Carunchos, que recuperan moitas destas cancións tradicionais e fannas soar marabillosamente.
Ímosvos poñer un vídeo do programa Alalá da TVG, no que falan dos seráns.
Sabedes que son os seráns? Son festas tradicionais onde a xente se xuntaba para cantar, bailar e tocar música, e así manter vivas as nosas tradicións populares. Era unha forma de compartir momentos de ledicia e unión no pobo.
Estades listos para comezar esta viaxe musical?
Ningún comentario:
Publicar un comentario