mércores, 20 de novembro de 2024

25 de Novembro, Día Internacional para a eliminación da violencia contra as mulleres


 O 25 de Novembro é o Día Internacional contra a Violencia de Xénero.

É un día para pensar e axudar a que as persoas nos tratemos con respecto e con coidado.

Queremos lembrar que todos, tanto nenas como nenos, mozos e mozas, homes e mulleres, somos iguais e merecemos ser tratados ben.

A violencia, que é cando alguén fai dano a outra persoa, especialmente ás mulleres, é un gran problema.

Por iso, se algún día ves a alguén sendo maltratado, é importante que o contes para que esa persoa non se sinta soa.

No CEIP da Cruz temos claro que temos que aprender a resolver os problemas de maneira tranquila e sen pelexas, sempre respectando aos demais, e queremos dicirlle a todas as mulleres que están pasando por momentos difíciles que non están soas, e que todos podemos axudar a que o maltrato acabe.

É importante que todos defendamos a igualdade e tratemos aos demais con respecto. Así faremos un mundo mellor para todos!

Aquí quedan unhas cantas actividades para traballar neste día:

UDI Ed. Infantil 

UDI Ed. Primaria

MANIFESTO 25 N e actividades dos 0 aos 99 anos 



 

venres, 15 de novembro de 2024

CELEBRACIÓN DO DÍA INTERNACIONAL DO PATRIMONIO CULTURAL INMATERIAL

Ola, familias e nenos!

Mañá sábado,16 de novembro, haberá unha gala para celebrar o "Día Internacional do Patrimonio", organizado por  PONTE... NAS ONDAS!. 

Será un gran espectáculo con música, contos, teatro e danza, e participarán artistas como Isabel Risco, Celso Fernández Sanmartín, Chulada da Ponte Velha e Ailá. 

Esta gala pecha as actividades que comezaron en outubro en distintas cidades de Galicia e Portugal, e a entrada é libre, así que podedes ir todos os que queirades!


Como sabedes, PONTE... NAS ONDAS! é un proxecto feito para a coidar as nosas tradicións culturais de Galicia e Portugal, para que os nenos e nenas podan aprender delas e que se transmitan de xeración en xeración e non se perdan.

https://pontenasondas.org/que-e-ponte-nas-ondas/

 Este proxecto comezou en escolas de Salvaterra de Miño e Monção (en Portugal), pero agora tamén se fai en moitas máis escolas, entre elas, a nosa.

Os nenos e nenas practican as súas tradicións na escola, e tamén usan a radio e as novas tecnoloxías para compartir todo o que aprenden coas súas familias e amigos.

Este pasado 4 de novembro, o CEIP da Cruz estreamos o curso en Ponte... nas Ondas!, aproveitando o Mes da Ciencia en Galego. O alumnado de 5º e 6º de Primaria gravou o primeiro podcast deste ano. 

Podedes escoitalo na web de Ponte…nas ondas!:

http://escolasnasondas.com/ciencia-que-coida-e-preserva/ 

 na súa páxina de Facebook, e tamén no enlace á plataforma "Ivoox" da nosa RADIO CAMOSIÑA:

https://www.ivoox.com/podcast-radio-camosina_sq_f1657709_1.html

Tamén informarvos de que hoxe venres, no Centro Veciñal e Cultural de Valadares, en Vigo, haberá unha festa para entregar os premios do certame “As imaxes do Patrimonio”

Neste acto, o músico Paco Nogueiras fará unha actuación especial. 

Se non podedes ir, non vos preocupedes, porque tamén podedes ver o evento en directo a través de Youtube e na web de Ponte... nas Ondas!









mércores, 6 de novembro de 2024

Preparando o Magosto

En Galicia, as castañas e os castiñeiros teñen moita importancia na nosa cultura e tradición. 

As castañas son eses froitos marróns que veñen dentro dun ourizo, e no outono celébrase unha festa moi especial chamada o Magosto. 

Nela, xúntanse amigos e familias para asar castañas ao lume e probar o viño novo.

Os castiñeiros, as árbores que dan as castañas, teñen varios nomes en Galicia, como castañeira ou castiñeira, e os lugares onde hai moitos castiñeiros chámanse soutos ou castañares. 

Antigamente, os nosos avós collían as castañas vareando as pólas dos castiñeiros cun pau longo para que os ourizos caesen ao chan. Despois, deixábanas secar para comelas durante todo o ano.

Unha curiosidade é que se di que a sombra do castiñeiro é moi fría e que deitarse baixo ela non é boa idea. Tamén se di que, se comes castañas frescas sen quitarlles o embrión, poden saírche piollos. E para non ter reuma, recoméndase levar unha castaña colgada no pescozo xunto con outras cousiñas.

Así que, cando chega o Magosto, celebra con castañas quentiñas e lembra toda esta historia e tradición que fan da castaña algo moi especial en Galicia.

 

No CEIP da Cruz celebraremos o noso Magosto a próxima semana, e imos recibir a visita das pandeireteiras "As Camoesas", dirixidas por Eva Méndez, que foi alumna do cole. Para poder cantar con elas, imos aprender dúas cantigas. Podedes aprendelas no premendo no seguinte enlace, que vos leva ao blog de Música: 

Pasodobre de Laxoso e O Verdegaio

Ademais, un montón de recursos sobre a festa do Magosto: