En Galicia, as castañas e os castiñeiros teñen moita importancia na nosa cultura e tradición.
As castañas son eses froitos marróns que veñen dentro dun ourizo, e no outono celébrase unha festa moi especial chamada o Magosto.
Nela, xúntanse amigos e familias para asar castañas ao lume e probar o viño novo.
Os castiñeiros, as árbores que dan as castañas, teñen varios nomes en Galicia, como castañeira ou castiñeira, e os lugares onde hai moitos castiñeiros chámanse soutos ou castañares.
Antigamente, os nosos avós collían as castañas vareando as pólas dos castiñeiros cun pau longo para que os ourizos caesen ao chan. Despois, deixábanas secar para comelas durante todo o ano.
Unha curiosidade é que se di que a sombra do castiñeiro é moi fría e que deitarse baixo ela non é boa idea. Tamén se di que, se comes castañas frescas sen quitarlles o embrión, poden saírche piollos. E para non ter reuma, recoméndase levar unha castaña colgada no pescozo xunto con outras cousiñas.
Así que, cando chega o Magosto, celebra con castañas quentiñas e lembra toda esta historia e tradición que fan da castaña algo moi especial en Galicia.
No CEIP da Cruz celebraremos o noso Magosto a próxima semana, e imos recibir a visita das pandeireteiras "As Camoesas", dirixidas por Eva Méndez, que foi alumna do cole. Para poder cantar con elas, imos aprender dúas cantigas. Podedes aprendelas no premendo no seguinte enlace, que vos leva ao blog de Música:
Pasodobre de Laxoso e O Verdegaio
Ningún comentario:
Publicar un comentario