luns, 18 de novembro de 2019

O tempo meteorolóxico

Unha canción para aprender a falar do tempo en galego



A Mesa pola Normalización Lingüística estrea un vídeo de Miguel Robledo, cunha canción de Magín Blanco, dirixida á cativada.
A Mesa pola Normalización Lingüística estrea este xoves O tempo meteorolóxico, o videoclip realizado polo ilustrador Miguel Robledo a partir da canción de Magín Blanco para acompañar o libro ilustrado do mesmo nome que axuda a cativada a identificar os fenómenos meteorolóxicos e o seu nome en galego..
Este título forma parte xunto con O abecedario, As aves e Os peixes e outra fauna mariña do proxecto didáctico que A Mesa adica áeducación infantil, proporcionando materiais en galego para nenas e nenos de 0 a 6 anos co obxectivo de potenciar o uso de vocabulario na nosa lingua nesta etapa. O videoclip está dispoñíbel en youtube, e o libro O tempo meteorolóxico pódese mercar nas librarías do país e mais na web da Mesa por 7,20 € para persoas socias e 8’55 € para público xeral. Hai un anaco dispoñíbel para consulta aquí.
O autor da canción é Magín Blanco (A Rúa, 1960), un dos máis coñecidos creadores de propostas musicais e escénicas para público familiar no panorama actual galego. Creador do universo que habitan A nena e o grilo e máis de Camiños, así como dalgunhas das composicións que forman parte de libro discos de referencia para a cativada do país como María Fumaça, Rosalía Pequeniña ou Canta o Cuco, Magín Blanco ponlle música e voz ás cancións que acompañan todos os títulos da colección que A Mesa adica á educación infantil, coas cancións O abecedario, Voa paxariño, Peixiños do mar e con este O tempo meteorolóxico que se estrea hoxe.
O autor do videoclip e ilustrador do volume é Miguel Robledo (Ourense, 1970), que como autor de cómic colaborou con La Voz de Galicia, Factoría K e El Jueves e como ilustrador editorial ten obras publicadas por Edicións Xerais, Mcgraw Hill USA, Santillana DuendeBux e Eurisaces Editora. Na actualidade é director creativo de Punto e Coma. Tamén traballou no proxecto de serie de televisión 3D O labirinto dos soños, realizou tanto a arte conceptual e do storyboard de Holy Night e o concepto de animación e a preprodución de Objetos perdidos. Como docente, ofreceu cursos e obradoiros para a Universidade de Vigo, Espacio Creativo The Room e foi titor en formación en centros de traballo para a Escola de Arte e Superior de Deseño Antonio Faílde de Ourense.
Segundo informa A Mesa, con estes contidos “quere contribuír con esta liña de publicacións a suplir a escaseza de materiais didácticos en galego para a etapa de 3 a 6 anos, fronte á grande cantidade de recursos existentes en castelán e en inglés, sobre a que alertou no Estudo sobre a educación infantil de Galiza de 3 a 6 anos. Curso 16/17, que se pode descargar no portal web da Mesa”. Así, expoñen que “os poucos materiais didácticos que existen para esta etapa débense ao compromiso das e dos educadores e mais á iniciativa social ou privada e dalgúns concellos, sen que haxa respaldo e promoción por parte da Xunta, que se desentende de poñelos a disposición das escolas. Isto supón un agravio comparativo, posto que o profesorado que queira traballar na nosa lingua coa cativada ten que elaborar os seus propios materiais”.

martes, 22 de outubro de 2019

martes, 15 de outubro de 2019

O CEIP da Cruz, premiado no II Certame de fotografía "Imaxes do patrimonio" de Ponte... nas ondas!

Abel González Ramilo, alumno de 6º no noso centro, resultou premiado co 2º posto no II Certame de fotografía "Imaxes do Patrimonio", cunha fermosa fotografía do seu bisavó, que foi xefe dunha das estacións de tranvía de Vigo, alá polo ano 1930.

Parabéns, Abel!


Podedes atopar máis información sobre os resultados deste certame sobre o noso patrimonio no seguinte enlace: Certame de fotografía " Ponte nas ondas"

xoves, 26 de setembro de 2019

Día europeo das Linguas



Comezamos un novo curso salientando a importancia do uso do galego no Ensino:

Hoxe é o Día Europeo das Linguas. Así que eu digo que queremos galego.
Galego nas casas.
Galego na lingua.
Lingua galega porque é a lingua de nós.
Patrimonio milenario.
Galego nos medios de comunicación algún día máis que o 17 de maio ou o 25 de xullo.
Galego nos colexios. Que o ensino sexa unha fonte galeguizadora e non do revés.
Galego nas tendas,  nas grandes empresas.
Galego na vida.
Avós e avoas, pais e nais, transmitindo o único que nós temos e o resto non ten, que é unha lingua de nós herdada da historia.
Galego como orgullo.
Galego con orgullo.
Galego non como máscara política dos que, no fondo, non cren no idioma nin no país.
Hoxe é o Día Europeo das Linguas e temos unha lingua, carafio! Unha lingua propia!!!
Galego.
Hoxe e sempre.
(Francisco Castro)