xoves, 8 de decembro de 2022

VOTA: A PALABRA DO ANO!

A PALABRA DO ANO 2022

    A Real Academia Galega e a Fundación Barrié abren un ano máis, a través do Portal das Palabras, a campaña para a elección colectiva da Palabra do Ano. Todas as persoas que o desexen poden enviar as súas suxestións, ata o vindeiro 11 de decembro, a través desta ligazón:

https://portaldaspalabras.gal/palabradoano/

    A votación telemática para escoller entre as finalistas a palabra gañadora desenvolverase do 13 ao 25 de decembro.

    O Portal das Palabras é o proxecto da RAG e a Fundación Barrié para a modernización do traballo lexicográfico e a divulgación da nosa lingua. Cada semana ofrece xogos, vídeos nos que os membros da Academia resolven dúbidas frecuentes e outros contidos divulgativos que conectan o léxico galego coa realidade cotiá e a actualidade dun xeito ameno. A palabra do día é outra das seccións deste espazo aberto ao diálogo coas persoas usuarias.

    Dende 2014 o Portal das Palabras convida ademais a todas as persoas que o desexen a participar na escolla da Palabra do Ano. Nas edicións anteriores foron elixidas tanxugueiras (2021), nós (2020), sentidiño (2019) deseucaliptización (2018), afouteza (2017), irmandade (2016) —coincidindo co centenario das Irmandades da Fala—, refuxiado, -a (2015) e corrupción (2014).

ANIMÁDEVOS A PARTICIPAR!

O equipo de Dinamización da Lingua Galega


A CANCIÓN DE DECEMBRO

Decembro xa chegou e con el unha nova canción para achegarnos ao panorama musical galego do momento. 
Nesta ocasión a canción escollida é "Tribo", de A banda da Loba.  

Podedes escoitala premendo lesta ligazón.

Para presentar a estas cinco músicas deixámosvos aquí o texto que aparece na súa páxina web, xa que nos parece perfecto para que coñezades a súa traxectoria:

Somos Andrea, Estela, Inés, Marcela e Xiana, A banda da Loba. Creamos o grupo no 2017 e en poucos anos xa nos convertimos nun dos grupos referentes da música galega grazas ao voso apoio, asaltando multitude de escenarios e vilas de todo o país. «Bailando as rúas», «Fábrica de luz» e «Hasme oír» son os tres traballos discográficos que temos publicados.

En abril de 2022 presentamos“Xabón Lagarta”, inspirado no universo vital das lavandeiras e neses espazos de liberdade, confidencias e insubmisión que eran os lavadoiros. O pasado e o presente. As experiencias e as conquistas herdadas. O berro confiado porque antes outras berraron por nós. A busca do noso lugar nesta gran espiral que é a vida. Quixemos tirar dese fío para traelo aos nosos días cun aire e unha estética moderna e contemporánea.

Un dos nosos obxectivos principais sempre foi vencellar a nosa música á poesía que se fai no país para, como dicía Xela, sacala dos sillóns dos lectores e das lectoras e conquistar novos espazos para a súa difusión. Todo isto, envolvéndoa en melodías “pegañentas” cun estilo musical heteroxéneo, co que din que conseguimos crear unha sonoridade propia que pode encadrarse no pop pero que bebe de moi diferentes augas.

E se a nosa música é heteroxénea, tamén o son as nosas mensaxes. Considerámonos mulleres comprometidas coa nosa cultura e a nosa lingua, así como con moi diferentes causas sociais. Por iso, as nosas cancións falan de diversidade, de memoria histórica, de lingua, de feminismo, de liberdade, de ecoloxismo… en definitiva, de todo o que nos converte en quen somos.


Agardamos que vos guste!!

O Equipo de Dinamización da Lingua Galega

COLABORACIÓN CON ESPAZO LECTURA

O pasado 21 de novembro as mestras de Educación Infantil aceptaban a proposta de colaboración con Espazo Lectura, a organización non gobernamental fundada para o fomento e a animación á lectura en lingua galega. Así que o pasado luns animáronse a levar a cabo unha sesión xuntas no CONTOMAR na Biblioteca Pública de Gondomar. Unha sesión na que combinaron diferentes lecturas e divertíronse intercambiando co público as seguintes pezas: 

– Unha cor propia (Kalandraka).

– Bonobos con lentes (OQO).

– Iriña bailarina (Embora).

– Grisela (Kalandraka).

 

Foi unha tarde moi agradable e agradecida a partes iguais, polo que de seguro, repetirán e agardan a vosa asistencia a esta actividade!

Neste enlace podedes ver algunhas imaxes dese día:

CEIP CRUZ-CAMOS NO CONTOMAR