xoves, 8 de decembro de 2022

VOTA: A PALABRA DO ANO!

A PALABRA DO ANO 2022

    A Real Academia Galega e a Fundación Barrié abren un ano máis, a través do Portal das Palabras, a campaña para a elección colectiva da Palabra do Ano. Todas as persoas que o desexen poden enviar as súas suxestións, ata o vindeiro 11 de decembro, a través desta ligazón:

https://portaldaspalabras.gal/palabradoano/

    A votación telemática para escoller entre as finalistas a palabra gañadora desenvolverase do 13 ao 25 de decembro.

    O Portal das Palabras é o proxecto da RAG e a Fundación Barrié para a modernización do traballo lexicográfico e a divulgación da nosa lingua. Cada semana ofrece xogos, vídeos nos que os membros da Academia resolven dúbidas frecuentes e outros contidos divulgativos que conectan o léxico galego coa realidade cotiá e a actualidade dun xeito ameno. A palabra do día é outra das seccións deste espazo aberto ao diálogo coas persoas usuarias.

    Dende 2014 o Portal das Palabras convida ademais a todas as persoas que o desexen a participar na escolla da Palabra do Ano. Nas edicións anteriores foron elixidas tanxugueiras (2021), nós (2020), sentidiño (2019) deseucaliptización (2018), afouteza (2017), irmandade (2016) —coincidindo co centenario das Irmandades da Fala—, refuxiado, -a (2015) e corrupción (2014).

ANIMÁDEVOS A PARTICIPAR!

O equipo de Dinamización da Lingua Galega


A CANCIÓN DE DECEMBRO

Decembro xa chegou e con el unha nova canción para achegarnos ao panorama musical galego do momento. 
Nesta ocasión a canción escollida é "Tribo", de A banda da Loba.  

Podedes escoitala premendo lesta ligazón.

Para presentar a estas cinco músicas deixámosvos aquí o texto que aparece na súa páxina web, xa que nos parece perfecto para que coñezades a súa traxectoria:

Somos Andrea, Estela, Inés, Marcela e Xiana, A banda da Loba. Creamos o grupo no 2017 e en poucos anos xa nos convertimos nun dos grupos referentes da música galega grazas ao voso apoio, asaltando multitude de escenarios e vilas de todo o país. «Bailando as rúas», «Fábrica de luz» e «Hasme oír» son os tres traballos discográficos que temos publicados.

En abril de 2022 presentamos“Xabón Lagarta”, inspirado no universo vital das lavandeiras e neses espazos de liberdade, confidencias e insubmisión que eran os lavadoiros. O pasado e o presente. As experiencias e as conquistas herdadas. O berro confiado porque antes outras berraron por nós. A busca do noso lugar nesta gran espiral que é a vida. Quixemos tirar dese fío para traelo aos nosos días cun aire e unha estética moderna e contemporánea.

Un dos nosos obxectivos principais sempre foi vencellar a nosa música á poesía que se fai no país para, como dicía Xela, sacala dos sillóns dos lectores e das lectoras e conquistar novos espazos para a súa difusión. Todo isto, envolvéndoa en melodías “pegañentas” cun estilo musical heteroxéneo, co que din que conseguimos crear unha sonoridade propia que pode encadrarse no pop pero que bebe de moi diferentes augas.

E se a nosa música é heteroxénea, tamén o son as nosas mensaxes. Considerámonos mulleres comprometidas coa nosa cultura e a nosa lingua, así como con moi diferentes causas sociais. Por iso, as nosas cancións falan de diversidade, de memoria histórica, de lingua, de feminismo, de liberdade, de ecoloxismo… en definitiva, de todo o que nos converte en quen somos.


Agardamos que vos guste!!

O Equipo de Dinamización da Lingua Galega

COLABORACIÓN CON ESPAZO LECTURA

O pasado 21 de novembro as mestras de Educación Infantil aceptaban a proposta de colaboración con Espazo Lectura, a organización non gobernamental fundada para o fomento e a animación á lectura en lingua galega. Así que o pasado luns animáronse a levar a cabo unha sesión xuntas no CONTOMAR na Biblioteca Pública de Gondomar. Unha sesión na que combinaron diferentes lecturas e divertíronse intercambiando co público as seguintes pezas: 

– Unha cor propia (Kalandraka).

– Bonobos con lentes (OQO).

– Iriña bailarina (Embora).

– Grisela (Kalandraka).

 

Foi unha tarde moi agradable e agradecida a partes iguais, polo que de seguro, repetirán e agardan a vosa asistencia a esta actividade!

Neste enlace podedes ver algunhas imaxes dese día:

CEIP CRUZ-CAMOS NO CONTOMAR





xoves, 10 de novembro de 2022

ACHÉGATE Á NOSA MÚSICA

 ACHÉGATE Á NOSA MÚSICA

Hoxe queremos explicar unha das propostas anuais que desenvolveremos ao longo do curso desde o Equipo de Dinamización da Lingua Galega. Observando que o curso pasado tivo moito éxito entre o alumnado as cancións das Tanxugueiras, pensamos que sería unha boa iniciativa para coñecer artistas do panorama actual galego propoñer cada mes unha canción.

No mes de outubro, co comezo do outono e a esperada chuvia, a canción escollida foi "Nomeando a Chuvia", do álbum Lingua Guapa, cantado por Uxía e con música de Néstor Blanco. 

Para este mes de novembro a canción escollida é "E ti, só ti", do grupo valenciano El Diluvi, adaptado e cantado pola cantautora coruñesa Sés

Esta canción está especialmente escollida para este mes no que celebramos o 25 de novembro, o Día Internacional contra a Violencia de Xénero.

Se vos apetece escoitala, aquí vos deixamos a ligazón: "E ti, só ti"

Agardamos que vos guste!!

O Equipo de Dinamización da Lingua Galega

mércores, 9 de novembro de 2022

BENVIDA 2022/2023

BENVIDAS E BENVIDOS A UN NOVO CURSO ESCOLAR!

Hai unhas semanas que comezamos o curso escolar, e desde o Equipo de Dinamización da Lingua Galega (EDLG) xa comezamos a traballar para levar a cabo unha serie de actividades e propostas que teñan o obxectivo de fomentar e promover o uso da lingua galega na nosa vida diaria, escolar e familiar, así como achegarnos á nosa cultura musical, artística, literaria... 

Ao longo do curso colgaremos neste blogue información de interese relacionada coa lingua galega, así como imaxes e información das diferentes actividades que desenvolveremos no centro escolar. Estade atentos e atentas porque... pode que precisemos da vosa axuda!! 




Achegamos neste post as actividades da asociación Espazo Lectura, da que o noso centro é socio protector. Animádevos a participar, hai actividades para todas as idades! 

Un saúdo!

luns, 20 de xuño de 2022

CONCERTAZO NA HORTA!

 CONSERTASSO NA HORTA!

O mes de xuño comezou con moita música no cole! Xa tiñamos moitas ganas dun concerto e tivemos a sorte de contar con Brais das Hortas e o seu "Consertasso na Horta". Cantamos, bailamos, rimos e gozamos xuntos dunha actuación xenial! 

Aquí vos deixamos un vídeo con algunhas imaxes. Lembrade escoitar moita música e ir a algún concerto de cando en vez! 


xoves, 19 de maio de 2022

LETRAS GALEGAS 2022: FLORENCIO DELGADO GURRIARÁN

 LETRAS GALEGAS 2022


      Neste ano 2022 o autor homenaxeado nas Letras Galegas é Florencio Delgado Gurriarán, nado en Córgomo, Vilamartín de Valdeorras (Ourense) no ano 1903 e falecido en Fair Oaks, Estados Unidos, en 1987.
       
      A través de diferentes propostas, ao longo destes días fomos achegándonos á súa biografía e obra, e tamén habilitamos un espazo na biblioteca do colexio onde están expostas algunhas fotografías da súa vida, así como as capas dos libros que publicou e bibliografía sobre o autor, coa que traballamos nas aulas. 

       Neste vídeo podedes ver imaxes das actividades que se realizaron desde as aulas: un xogo de probas con cuestións sobre os diferentes autores homenaxeados nas Letras Galegas, a elaboración do comecocos de Florencio co que podemos xogar e aprender datos sobre o autor ou xogos de preguntas que fixemos entre todos na pantalla dixital e cos que aprendimos un montón.

        Como veredes nas imaxes, tamén puidemos disfrutar da obra de teatro que os compañeiros de 3º e 4º prepararon para todos os nenos e nenas do colexio e coa que nos divertimos un montón!


Ademais, os nenos e nenas de 2º de primaria interpretaron "Camiño da Serra", sobre un poema de Florencio Delgado musicado por Susa Herrera e con arranxos de Xosé Liz. Escoitade, escoitade! Fixérono xenial :)


E xa por último deixámosvos unha imaxe con información sobre onde atopar diferentes materiais sobre este autor, por se queredes coñecelo un pouco máis e vos apetece xogar na casa coas vosas fillas e fillos.