mércores, 26 de febreiro de 2025

Podcast: Os gardiáns do Planeta

Este é o título do novo Podcast da nosa radio online "Radio Camosiña"

Desta vez, as nenas e nenos de 4º de Primaria son os que nos contan a situación na que se atopa o Planeta Terra, e a importancia de coidalo e preservalo.

Podedes escoitalos no seguinte enlace:

Os gardiáns do Planeta



martes, 18 de febreiro de 2025

Podcast: Día de Rosalía de Castro

 O 23 de febreiro celebramos o Día de Rosalía de Castro, día no que festexamos o aniversario de nacemento da autora máis universal das nosa lingua.

Nesta ocasión, as nenas e nenos de 2º de Primaria, preséntanos este podcast sobre a súa figura:

Rosalía de Castro, a nosa poeta soñadora



 

 

venres, 24 de xaneiro de 2025

Certame "As Imaxes do Patrimonio"

 
Estimadas familias,  
 
Convidámosvos a participar no 8º Certame "As imaxes do patrimonio", unha iniciativa que busca transmitir o noso patrimonio cultural inmaterial ás novas xeracións. O alumnado debe buscar fotografías antigas (anteriores a 1970) nos álbums familiares, preguntar polo seu contexto e elaborar un texto ou podcast explicativo. Puntos clave:
  • Dúas categorías: Infantil/Primaria e Secundaria/Bacharelato/Ciclos Formativos
  • Enviar fotos dixitalizadas con texto explicativo
  • Opción de participar con podcast (máximo 5 minutos)
  • Premios: ordenadores portátiles, tabletas e cámaras fotográficas
Enviade as vosas achegas a certame@escolasnasondas.com Esta actividade é unha excelente oportunidade para que as familias compartan as súas historias e tradicións cos máis novos, fortalecendo así os lazos entre xeracións e preservando o noso valioso patrimonio cultural.

 

mércores, 18 de decembro de 2024

AS TRADICIÓNS DO NADAL EN GALICIA

Preparados para mergullar nas tradicións do Nadal en Galicia?

"O Apalpador", de Leandro Lamas

Imos escoitar as voces dos nosos locutores de 3º de Primaria, que nos van descubrir as Tradicións do Nadal en Galicia a través dun novo Podcast de Radio Camosiña.

Queredes saber como se celebra esta época tan especial na nosa terra? 
Dende o mítico Apalpador, que visita aos nenos para comprobar se comeron ben durante o ano, ata as entrañables panxoliñas que soan polas rúas ou o Tizón de Nadal, estas Festas en Galicia están cheas de costumes e tradicións.

Premede no seguinte enlace para escoitalos:


Ademais, aproveitamos para presentarvos a nova imaxe da nosa radio escolar.

Camosiña está lista para conectar con todos os oíntes!
Sintonizade Radio Camosiña e deixade que a maxia do Nadal vos envolva!



RECOMENDACIÓNS DE LECTURA PARA O NADAL

 De cara ás vacacións de Nadal, os Equipos de Dinamización do Galego e Biblioteca, enviámosvos unhas recomendacións de lecturas para que os vosos fillos e fillas, e tamén vós, poidades desfrutar de lecturas en galego, variadas e enriquecedoras.

Como desexo especial para este Nadal, animámosvos a que sigades promovendo o uso da nosa lingua na casa, falando galego no día a día, e así contribuir a manter viva esta riqueza cultural.

Desexámosvos unhas Festas cheas de felicidade e momentos compartidos! 

  



xoves, 12 de decembro de 2024

BIBOPALULA, nova serie de animación en Galego

BIBOPALULA é unha nova serie de animación musical en galego protagonizada por catro paxariños: Pegui, Carpin, Robin e Merli, que forman A Banda do Bosque. 

Estes amigos curiosos e músicos viven aventuras no bosque mentres interpretan cancións orixinais que introducen aos máis pequenos no ritmo e na melodía, ao tempo que aprenden sobre a natureza, o comportamento das aves, o impacto humano no medio ambiente e, sobre todo, o valor da amizade.

Creada por Laura Mahía e Andrés Mahía, a serie conta con 55 episodios de 5 minutos cada un e está dispoñible gratuitamente en https://www.xabarin.gal/ e nas aplicacións da TVG.

Ademais, 'Bibopalula' incluirá unha unidade didáctica para traballar a música e a lingua galega nas escolas, con actividades que se poderán complementar coa visita dos personaxes aos centros educativos.

Con cancións compostas por Santi Jul e Iván Laxe e as voces de recoñecidos actores galegos como Marta Lado ou Xosé Antonio Touriñán, esta serie busca ser unha porta de entrada ao galego e á música para nenos e nenas.

 Os primeiros 20 capítulos xa están dispoñibles nesta proposta innovadora e divertida para toda a familia.





mércores, 20 de novembro de 2024

25 de Novembro, Día Internacional para a eliminación da violencia contra as mulleres


 O 25 de Novembro é o Día Internacional contra a Violencia de Xénero.

É un día para pensar e axudar a que as persoas nos tratemos con respecto e con coidado.

Queremos lembrar que todos, tanto nenas como nenos, mozos e mozas, homes e mulleres, somos iguais e merecemos ser tratados ben.

A violencia, que é cando alguén fai dano a outra persoa, especialmente ás mulleres, é un gran problema.

Por iso, se algún día ves a alguén sendo maltratado, é importante que o contes para que esa persoa non se sinta soa.

No CEIP da Cruz temos claro que temos que aprender a resolver os problemas de maneira tranquila e sen pelexas, sempre respectando aos demais, e queremos dicirlle a todas as mulleres que están pasando por momentos difíciles que non están soas, e que todos podemos axudar a que o maltrato acabe.

É importante que todos defendamos a igualdade e tratemos aos demais con respecto. Así faremos un mundo mellor para todos!

Aquí quedan unhas cantas actividades para traballar neste día:

UDI Ed. Infantil 

UDI Ed. Primaria

MANIFESTO 25 N e actividades dos 0 aos 99 anos