xoves, 8 de decembro de 2022

A CANCIÓN DE DECEMBRO

Decembro xa chegou e con el unha nova canción para achegarnos ao panorama musical galego do momento. 
Nesta ocasión a canción escollida é "Tribo", de A banda da Loba.  

Podedes escoitala premendo lesta ligazón.

Para presentar a estas cinco músicas deixámosvos aquí o texto que aparece na súa páxina web, xa que nos parece perfecto para que coñezades a súa traxectoria:

Somos Andrea, Estela, Inés, Marcela e Xiana, A banda da Loba. Creamos o grupo no 2017 e en poucos anos xa nos convertimos nun dos grupos referentes da música galega grazas ao voso apoio, asaltando multitude de escenarios e vilas de todo o país. «Bailando as rúas», «Fábrica de luz» e «Hasme oír» son os tres traballos discográficos que temos publicados.

En abril de 2022 presentamos“Xabón Lagarta”, inspirado no universo vital das lavandeiras e neses espazos de liberdade, confidencias e insubmisión que eran os lavadoiros. O pasado e o presente. As experiencias e as conquistas herdadas. O berro confiado porque antes outras berraron por nós. A busca do noso lugar nesta gran espiral que é a vida. Quixemos tirar dese fío para traelo aos nosos días cun aire e unha estética moderna e contemporánea.

Un dos nosos obxectivos principais sempre foi vencellar a nosa música á poesía que se fai no país para, como dicía Xela, sacala dos sillóns dos lectores e das lectoras e conquistar novos espazos para a súa difusión. Todo isto, envolvéndoa en melodías “pegañentas” cun estilo musical heteroxéneo, co que din que conseguimos crear unha sonoridade propia que pode encadrarse no pop pero que bebe de moi diferentes augas.

E se a nosa música é heteroxénea, tamén o son as nosas mensaxes. Considerámonos mulleres comprometidas coa nosa cultura e a nosa lingua, así como con moi diferentes causas sociais. Por iso, as nosas cancións falan de diversidade, de memoria histórica, de lingua, de feminismo, de liberdade, de ecoloxismo… en definitiva, de todo o que nos converte en quen somos.


Agardamos que vos guste!!

O Equipo de Dinamización da Lingua Galega

Ningún comentario:

Publicar un comentario