mércores, 23 de outubro de 2024

SAMAÍN

Achégase o Samaín, a noite máxica.

O Samaín en Galicia é unha antiga tradición celta que celebra o fin da colleita e marca o inicio do inverno. 

Durante esta noite máxica, as familias lembran aos seus defuntos e acenden candeas para guiar as almas dos que xa non están, e tamén se decoran cabazas.

Sabedes que en varias zonas de Galicia, sobre todo nas provincias de Pontevedra e Ourense ás cabazas tamén se lles chama calacús?

O Samaín é unha festa de lume, lendas e misterio, que tamén inspirou o Halloween moderno. 

Aquí deixamos un montón de recursos:

Actividades variadas sobre o Samaín 

Relatos de medo e actividades de Plástica 

TOP Samaín: MÚSICAS

BRINCALETRAS Samaín 

Genially do Samaín

OS BOLECHAS e o Samáin 

Conto: "Indo eu para o Samaín" 

OBRADOIRO DE MEDO

  "Xa chegou o Samaín", resumo sobre a orixe desta tradición:

 
 
 Curtametraxe: "Os defuntos falaban castelao"
 

 

martes, 22 de outubro de 2024

1º Podcast do curso 2024-2025: Ciencia que coida e preserva

Os nenos e nenas de 5º e 6º comezan cos Podcasts que iremos subindo á nosa "Radio Camosiña".


Neste 1º podcast preséntannos o que vai ser o Proxecto do centro neste curso: 

"Ciencia que coida e preserva".

Escoitádeos atentamente, porque nos explican como a Ciencia pode axudarnos a entender e protexer a Natureza, e que podemos facer para coidar o planeta e garantir un futuro mellor para todos.

Premede neste enlace para escoitalos: 

https://www.ivoox.com/ciencia-coida-e-preserva-audios-mp3_rf_135122988_1.html

venres, 4 de outubro de 2024

ANO DE CANTAREIRAS

Este curso temos algo moi emocionante que celebrar! 

A Real Academia Galega anunciou quen recibirá a homenaxe no Día das Letras Galegas do próximo ano: O 17 de maio de 2025 dedicarase ás cantareiras e á poesía popular oral. Que significa isto? Pois que imos lembrar e valorar a todas esas mulleres galegas que foron as creadoras e transmisoras das nosas cancións e tradicións máis fermosas.

A lingua galega continuou viva durante séculos grazas ao pobo galego, e en especial ás mulleres, que foron quen de coidala e transmitila de xeración en xeración. Elas crearon poesía popular, que pasaba de avoas a netas, de nais a fillas, ou entre veciñas, a través das cantigas.

A homenaxe estará representada por seis mulleres galegas que deixaron a súa pegada a través das súas voces e música: Adolfina e Rosa Casás Rama (de Cerceda), Eva Castiñeira (de Muxía), e as Pandereteiras de Mens, que son Prudencia Garrido Ameijende, Asunción Garrido Ameijende e Manuela Lema Villar (de Malpica de Bergantiños). 

 



Estas mulleres foron moi importantes para que non se perdera esta parte tan bonita da nosa cultura e para que non se perdera a nosa lingua.

Ademais, ao longo deste curso, mes a mes, iremos aprendendo unha cantiga de diferentes zonas de Galicia, para coñecer mellor a riqueza musical da nosa terra. 

Este mes comezamos coa Ribeirana de Lira, unha cantiga tradicional que se cantaba moi preto de aquí, en Salvaterra de Miño. 

E a versión que escoitaremos é do grupo Os Carunchos, que recuperan moitas destas cancións tradicionais e fannas soar marabillosamente.


 

Ímosvos poñer un vídeo do programa Alalá da TVG, no que falan dos seráns. 

Sabedes que son os seráns? Son festas tradicionais onde a xente se xuntaba para cantar, bailar e tocar música, e así manter vivas as nosas tradicións populares. Era unha forma de compartir momentos de ledicia e unión no pobo.

Estades listos para comezar esta viaxe musical?


 

 


xoves, 1 de xuño de 2023

CAXOTO: "Unha Galaxia chea de Letras Galegas"

 UNHA GALAXIA CHEA DE LETRAS GALEGAS

        Este é o nome do espectáculo co que nos visitou Caxoto o pasado 23 de maio como parte da programación da celebración das Letras Galegas. A través da narración oral Caxoto falou de grandes autores e autoras da historia da literatura e cultura galega, como Castelao, Risco, Cunqueiro, Carvalho Calero, Maria Victoria Moreno, Rosalía...

          Todos estes autores estaban vincunlados, dunha maneira ou outra, con Francisco Fernández del Riego. E falando da súa vida tamén puidemos coñecer feitos históricos como a emigración, a Guerra Civil, o exilio e o renacer da cultura e literatura galega co traballo desenvolvido na Editorial Galaxia.

        Rematamos a función cantando e reflexionando sobre a importancia de ler, ler, ler moito...

...e na nosa lingua!



domingo, 21 de maio de 2023

PACO DEL RIEGO

DÍA DAS LETRAS GALEGAS 2023

FRANCISCO FERNÁNDEZ DEL RIEGO



    Neste ano 2023 o autor ao que se lle adica o Día das Letras é Francisco Fernández del Riego. 
    A semana do 17 de maio chegamos ao cole e todo estaba cheo de guirnaldas con diferentes palabras: Vilanova de Lourenzá, Galaxia, Grial, Monforte de Lemos, Galeguismo... Repartimos polas aulas dous sobres con letras soltas que había que xuntar para poder construír algunha das palabras que estaban nesas guirnaldas e colocalas nos recadriños do mural que presidía a entrada, de maneira que unha vez descubertas todas as palabras puidemos ler cronolóxicamente aqueles feitos máis significativos da vida de Paco del Riego. 

    Para investigar sobre a súa vida e obra, utilizamos os libros de Xerais e Lela Edicións, onde os autores destas biografías detallan moitísima información sobre o autor. 
    Ademais, grabamos un pequeno vídeo onde os nenos e nenas de cada curso falan da relación existente entre as palabras asignadas e o autor homenaxeado.




Agardamos que vos gustase coñecer un pouquiño máis a vida e obra deste autor tan próximo á nosa vila!

Longa vida ás nosas letras!


mércores, 3 de maio de 2023

ACTIVIDADES DE MAIO DE ESPAZO LECTURA

  O CEIP da Cruz é centro socio protector da Asociación Espazo Lectura, unha asociación non gobernamental fundada para o fomento e a animación á lectura en lingua galega. 

Por esta razón, deixámosvos a continuación información das actividades de MAIO.
As actividades están abertas a todas as persoas que estean interesadas; animádevos a participar, hai para todas as idades!


REMATAMOS CON MOITA MÚSICA!

Ola, familias!

No mes de abril a canción proposta é de Fillas de Cassandra, que poderedes escoitar na seguinte ligazón: II. Lisístrata (Varre vasoira)


E para rematar este ciclo de recomendacións mensuais de grupos musicais galegos de actualidade, deixámosvos unha peza musical de Margarida Mariño, unha violoncellista da cidade de Vigo cunhas propostas musicais moi interesantes. 
Animámosvos a coñecela na seguinte ligazón: Golfiño

Aquí vos deixamos todas as recomendacións deste curso escolar 2022/2023:



Agardamos que vos guste!!

O Equipo de Dinamización da Lingua Galega