domingo, 15 de novembro de 2026

Podcast "20 N: A nosa voz conta"

Co motivo do Día Mundial da Infancia, o alumnado de 5º de Primaria preparou un podcast sobre a participación dos nenos e nenas na vida do Concello. A través das súas voces fálannos da importancia de escoitar as ideas, as preocupacións e as propostas da infancia.

No podcast explican que o 20 de novembro se celebra o Día Mundial da Infancia e que nesta data se lembran os dereitos de todos os nenos e nenas: aprender, xogar, estar sanos, estar protexidos e ser escoitados. 

Tamén falan de Xeración Xa!, o Consello de participación Infantil e Xuvenil de Nigrán. 

Nel participan rapaces e rapazas de distintos centros educativos, que se reúnen para debater e levar as súas propostas ao goberno local. 

O seu traballo axudou a que Nigrán fose recoñecida como Cidade Amiga da Infancia por UNICEF, lembrándonos que a infancia non é só o futuro: é tamén o presente. 

Porque cando os nenos e nenas participan, escoitan e propoñen, todos gañamos.

Podedes escoitar o podcast no seguinte enlace de Radio Camosiña:

Podcast "20N: A nosa voz conta"




xoves, 29 de outubro de 2026

Podcast "Un Samaín cheo de emocións"

O alumnado de 3º de Primaria preparou un podcast sobre o Samaín: Unha boa ocasión para falar dunha festa galega ligada ao outono, ás cabazas, ás castañas e á noite de Defuntos.

No podcast tamén houbo espazo para falar das emocións: da ilusión, da sorpresa, da alegría e do medo. Porque sentir medo ás veces é normal, e saber nomealo e compartilo axúdanos a entendelo mellor.

Foi unha actividade na que cada voz tivo o seu momento e na que aprendemos que as emocións, incluso as máis incómodas, tamén forman parte de quen somos.

Podedes escoitalo entrando no seguinte enlace:

Un Samaín cheo de emocións



martes, 27 de outubro de 2026

SAMAÍN

Achégase o Samaín, a noite máxica.

O Samaín en Galicia é unha antiga tradición celta que celebra o fin da colleita e marca o inicio do inverno. 

Durante esta noite máxica, as familias lembran aos seus defuntos e acenden candeas para guiar as almas dos que xa non están, e tamén se decoran cabazas.

Sabedes que en varias zonas de Galicia, sobre todo nas provincias de Pontevedra e Ourense ás cabazas tamén se lles chama calacús?

O Samaín é unha festa de lume, lendas e misterio, que tamén inspirou o Halloween moderno. 

Aquí deixamos un montón de recursos:

Actividades variadas sobre o Samaín 

Actividades do blog da Mestra Cris

Materiais Samaín

Relatos de medo e actividades de Plástica 

TOP Samaín: MÚSICAS

BRINCALETRAS Samaín 

Genially do Samaín

OS BOLECHAS e o Samáin 

Conto: "Indo eu para o Samaín" 

OBRADOIRO DE MEDO

  "Xa chegou o Samaín", resumo sobre a orixe desta tradición:

 
 
 Curtametraxe: "Os defuntos falaban castelao"
 

 


luns, 26 de outubro de 2026

Podcast "Unha historia contada coas mans"

Co motivo do Día das Bibliotecas Escolares, que se celebra o 24 de outubro, as nenas e nenos de 6º de Primaria fixeron un podcast sobre a artesanía galega. 

Coas súas voces descubrimos que as bibliotecas son lugares moi especiais: alí podemos ler, aprender, imaxinar e coñecer cousas novas da nosa terra.

No podcast falaron dalgúns oficios tradicionais de Galicia: os cesteiros, que fan cestos trenzando o vimbio; os oleiros, que modelan o barro para facer xerras, pratos e figuras; as tecelás, que traballan a la e a tea; e os zoqueiros, que fan zocos e zocas. 

Cada obxecto está feito coas mans e ten unha historia moi bonita.

Con esta actividade convidámosvos a ir á biblioteca do cole e buscar libros sobre Galicia e as súas tradicións, porqueer axúdanos a coñecer mellor a nosa terra, a valorar o traballo das persoas artesás e a sentirnos orgullosos da nosa cultura.

Podedes escoitar o podcast en Radio Camosiña, entrando no seguinte enlace:

Unha historia contada coas mans




xoves, 11 de xuño de 2026

De viaxe por Galicia

Vai rematando o curso, e con el o noso proxecto de centro "Coñezcamos Galicia", co que coñecimos un montón de lugares do noso país.

As mascotas de Ed. Infantil, Lupo e Lobi Lobi percorreron Galicia enteira! 

Desta vez, para coñecer as provincias de Ourense, Lugo e A Coruña, foron acompañados da súa amiga, a ovella Molly: 






martes, 12 de maio de 2026

Begoña Caamaño, protagonista das Letras Galegas 2026

Este ano, o Día das Letras Galegas está dedicado a Begoña Caamaño, unha autora que adoraba contar historias e defender a lingua galega.


Begoña foi xornalista e escritora. Nas súas novelas falaba de personaxes valentes, especialmente mulleres que querían decidir o seu propio destino. A súa obra axúdanos a pensar, imaxinar e descubrir novas formas de ver o mundo:

Conto Letras Galegas 2026

Para celebrar as Letras Galegas, hai moitas actividades divertidas e educativas: xogos, contacontos, vídeos, música e propostas para aprender máis sobre a súa vida e os seus libros.

Rosco sobre Begoña Caamaño (a partir de 4º de Primaria)

Actividades en liña Seminario Galán

Actividades para imprimir Seminario Galán



xoves, 12 de marzo de 2026

Primavera das Letras

A Real Academia Galega adiántanos a súa programación arredor de Begoña Caamaño, autora á que se lle dedican as Letras Galegas deste ano.


No seu espazo web Primavera das Letras atoparemos recursos lúdicos e didácticos para achegarlle á rapazada a figura da homenaxeada, como por exemplo unha obra de teatro de An Alfaya para o alumnado de Primaria.



sábado, 21 de febreiro de 2026

Día Internacional da Língua Materna

O 21 de febreiro celebramos o Día Internacional da Lingua Materna, proclamado pola UNESCO para promover a diversidade lingüística e cultural no mundo. É unha data para lembrar que todas as linguas merecen ser preservadas, coidadas e transmitidas.

En Galiza, este día é tamén o Día da Lingua Propia. 

Celebremos o galego como parte esencial da nosa identidade colectiva.

Fálalles galego.

Para que a nosa lingua siga viva.

Para que non se perda o noso legado.

Porque as linguas son clave para a educación e o desenvolvemento. Aprender na lingua materna mellora a comprensión, a participación e o pensamento crítico do alumnado. 

Por iso, a educación plurilingüe —especialmente nas linguas minoritarias e indíxenas— é fundamental para construír sociedades máis inclusivas e xustas.

O 25º aniversario desta celebración lembra a importancia de seguir defendendo a diversidade lingüística na escola, nos medios e na vida pública.

💬 Falemos a nosa lingua. 

Coidémola. 

Transmitámola.

#DíaInternacionalDaLinguaMaterna 



mércores, 18 de febreiro de 2026

Rosalía de Castro, unha muller valente

O 23 de febreiro celebramos o Día de Rosalía de Castro, unha data para lembrar a vida e a obra de dunha muller que cambióu a forma de escribir e de pensar en Galicia. 

Cantaremos a canción "Rosalía pequeniña", de Uxía Senlle: 

Begoña Caamaño, a escritora á que se lle dedicará o Día das Letras Galegas 2026, escribiu: 

"...esa muller que uns chamaron tola e outros santa: a correcta Rosalía. A Rosalía pequena, insubmisa, rebelde, pirata; a Rosalía que non é musa senón pobo... e por iso a canta o pobo. Como a cantamos nós, como a cantou no seu tempo Curros Enríquez, quen soubo ver nela esa nena soñadora que medrou até se converter nunha muller afouta e ousada. A Rosalía que todos e todos levamos dentro, e por iso debemos coñecela e cantala." 

Rosalía de Castro escribía sobre o que lle preocupaba de verdade: as persoas pobres, os nenos e nenas que pasaban fame ou frío, e as familias que tiñan que marchar a otros lugares para buscar traballo. 

Tamén falaba do que non é xusto,   das inxustizas que sufrían moitas mulleres.

Ela ensinounos que o máis importante é respectar a todos e todas e traballar para facer do mundo un lugar mellor. 

Grazas a Rosalía, o galego volveu ser una lingua de sentimientos, de historias e de xente que loita por xustiza e igualdade. 

Celebrar o Día de Rosalía de Castro é cantar e lembrar a súa valentía, a súa solidariedade e o amor pola súa terra. 

Porque, como dicía Begoña Caamaño,

Rosalía é un pouquiño dentro de cada un de nós.


Tamén traballaremos as actividades do Portal da Lingua no seguinte enlace

E os pasatempos cos que nos agasalla Pido Papas:


luns, 9 de febreiro de 2026

Día Mundial da Radio

O 13 de febreiro celebramos o Día Mundial da Radio, un medio moi especial para aprender e compartir historias. No noso cole tamén celebramos este día porque temos a nosa propia radio: Radio Camosiña 📻.

Nela subimos podcasts moi interesantes que gravan as nenas e nenos do cole. Desta vez, para celebralo, imos escoitar un novo podcast feito por dous nenos de 6º de Primaria, Román e Dani, no que nos falan da lenda da Poza da Moura.

Con este podcast respondemos ao convite que nos fai Ponte… nas Ondas!, unha asociación que promove a radio escolar como un recurso educativo para mellorar as habilidades comunicativas do alumnado. Ademais, este curso tamén lles enviamos outros podcasts: o da provincia de Pontevedra, o dos Boteiros de Viana do Bolo e o do Oso de Salcedo.

Dálle ao play e deixa que Radio Camosiña che conte esta historia 🎧✨: 

Podcast: A lenda da Poza da Moura




xoves, 5 de febreiro de 2026

Entroidos Tradicionais Galegos: O Oso de Salcedo e os Boteiros de Viana do Bolo

Radio Camosiña achéganos dous dos máis famosos Entroidos Tradicionais Galegos

O OSO DE SALCEDO
🐻🎙️Neste podcast das nenas e nenos de 6º de Primaria imos descubrir ao Oso de Salcedo, unha tradición moi antiga do Entroido galego que se celebra na Pobra do Brollón, en Lugo. 
Coñeceremos quen é o Oso, quen son os seus criados e por que esta festa simboliza o final do inverno e a chegada da primavera.

Escoitádeos no seguinte enlace: Podcast O Oso de Salcedo


OS BOTEIROS DE VIANA DO BOLO

🎭 Descubrimos, da man das nenas e nenos de 5º de Primaria, aos Boteiros de Viana do Bolo, a figura máis chamativa do seu Entrudio. 
Neste podcast coñeceremos as súas máscaras con grandes pantallas, as esquilas que soan sen parar, a monca e o fulión cos seus bombos e aixadas 🎶🥁

Escóitámolos no seguinte enlace: Podcast Os Boteiros de Viana do Bolo










martes, 3 de febreiro de 2026

Entroido, entroido, entroido!

 🌈 O Entroido Galego: unha festa sen igual

O Entroido é unha das festas máis especiais e queridas de Galicia. Cada ano, cando chega esta celebración, as rúas énchense de cor, música, risas e moita emoción. 

Tal e como di a nosa canción, é unha festa que se vive do norte ao sur e de este a oeste, unindo a toda a xente arredor das tradicións populares.


O Entroido Galego destaca pola súa enorme variedade. En cada vila e comarca atopamos personaxes únicos, traxes espectaculares e costumes que se transmiten de xeración en xeración. Por iso é tan importante coñecelos, valoralos e coidalos para que non se perdan co paso do tempo.

En Xinzo de Limia, as famosas Pantallas corren polas rúas facendo soar as súas vexigas para avisar a quen non vai disfrazado. En Cobres, as elegantes Madamas e Galáns bailan con traxes cheos de cores, fitas ao vento e pasos tradicionais.

En Chantada, os Volantes xiran e bailan facendo abraiar a todo o mundo co movemento das súas fitas, mentres que na Ulla, os Xenerais protagonizan divertidas batallas de palabras cargadas de ironía e humor popular.

Non podemos esquecer os Cigarróns de Verín, co son das chocas e as súas impresionantes máscaras, nin os Boteiros de Viana do Bolo, que brincan sen parar acompañados polo ritmo dos bombos e das aixadas dos fulións. E en Salcedo, o Entroido vólvese salvaxe e divertido coa baixada do Oso, que corre tras a xente entre risas e carreiras.

O Entroido é moito máis ca unha festa: é cultura, identidade e memoria colectiva.

 Por iso, dende queremos animar a todos a participar, aprender e respectar estas tradicións tan nosas.

💚 Coidemos o Entroido Galego, porque é unha festa única, chea de vida, que sempre paga a pena ver, vivir e celebrar.



domingo, 14 de decembro de 2025

No Nadal imos cantar

 O Nadal está aquí e non hai excusa para non cantar 🎶✨

“No Nadal imos cantar” é a canción perfecta para cantar nestas Festas.
Deixa que as voces se xunten e enchan a casa de ledicia!


NO NADAL IMOS CANTAR

No Nadal imos cantar

Baixo as estrelas a brillar

Frío nos dedos, quentura no peito

O vento fala e nós gardamos silenzo


Imos cantar, imos bailar

As luces danzan no lugar

No Nadal

No Nadal

Tódalas voces a soar


A lareira acesa a chispear

Contos de antes que fan soñar

O pan no forno, calor do fogar

A risa longa que non quere parar


Imos cantar, imos bailar

As luces danzan no lugar

No Nadal

No Nadal

Tódalas voces a soar


E cando o día vai marchar

Baixo a lúa imos brindar

Polos amigos, polos amores

E por futuros cheos de cores


Imos cantar, imos bailar

As luces danzan no lugar

No Nadal

No Nadal

Tódalas voces a soar











Recomendacións lectoras para o Nadal

Xa podedes consultar as Guías de Lectura: nelas atoparedes unha selección de títulos para diferentes idades e intereses, pensada para espertar o gusto e a curiosidade pola lectura.

Nas guías aparecen 8 versos do poema Galicia, de Manuel María, como un pequeno aceno á nosa lingua e á nosa terra, e como invitación a achegarse á lectura desde a emoción.

Galicia é o que vemos:

a terra, o mar, o vento…

Pero hai outra Galicia

que vai no sentimento!

Galicia somos nós:

a xente e máis a fala

Se buscas a Galicia,

en ti tes que atopala!

Agardamos que vos resulten útiles e, sobre todo, que vos animen a descubrir novas historias.




mércores, 10 de decembro de 2025

Descubrindo a Provincia de Pontevedra

 As nenas e nenos de 4º de Primaria prepararon un podcast moi especial no que nos levan de viaxe pola provincia de Pontevedra, de sur a norte. Durante esta viaxe contan curiosidades, describen lugares sorprendentes e comparten o que máis lles chamou a atención de cada sitio.

O obxectivo do podcast é coñecer mellor o noso entorno, aprender a describir lugares e practicar a expresión oral… pero sobre todo, gozar, porque Galicia está chea de espazos máxicos que merecen ser descubertos. 🌈✨

🧭🌊 Un percorrido cheo de paisaxes, historia e natureza

A nosa ruta comeza no Monte Trega 🏞️, na Guarda, cunha vista impresionante da foz do Miño e cun dos castros máis importantes de Galicia. Seguindo a costa,  pasamos pola Virxe da Rocha 🗿 e polo castelo de Monterreal en Baiona 🏰. Despois, pasamos polo Templo Votivo do Mar ⛪ en Panxón

Camiñando cara ao norte atopamos  lugares con moito encanto como Combarro 🌅, cos seus hórreos ao pé da auga. E, por suposto, non nos esquecemos das fermosísimas  illas Cíes 🏝️✨.

No interior visitamos espazos naturais como os Muíños do Folón e do Picón 🌾 ou a impresionante fervenza do Toxa 💦 

🎧💬 Un podcast feito con moita ilusión 🌟✨

Cada alumno e alumna participa cun pequeno fragmento, explicando un lugar diferente. 

Este traballo combina:

  • 🔎 Investigación

  • 🗣️ Expresión oral

  • 📖 Lectura en voz alta

  • 🧠 Organización da información

  • 🤝 Traballo en equipo

E, sobre todo, permitiunos descubrir que vivimos nunha provincia chea de tesouros: praias 🏖️, historia 🏺, arte 🎨, natureza 🌿 e moita cultura 📚.

🎙️🎧 Escoita o noso podcast!

Aquí vos deixamos o podcast completo para que poidades desfrutalo.
✨ Agardamos que vos guste tanto como a nós preparalo ✨

Seguiremos explorando Galicia e aprendendo xuntos.
Ata a próxima aventura! 🚀🌈

 



xoves, 4 de decembro de 2025

Pasatempos de Nadal

Esta semana, inspirándonos en propostas de PidoPapas, o alumnado gozou dunha xornada chea de pequenos retos: resolveron un enigma que os levou ao significado dun refrán, ampliaron vocabulario de Nadal cun encrucillado, descubriron animais propios desta época —incluído o raposo e o seu rabo-manta— e remataron ordenando letras para atopar nomes de postres típicos. Un xeito divertido e rápido de aprender mentres celebramos o espírito do Nadal!






domingo, 30 de novembro de 2025

Lupo e Lobi Lobi lévannos de paseo por Pontevedra

As mascotas de Ed. Infantil, os lobiños Lupo e Lobi Lobi, e tamén Camosiña, a mascota da Biblioteca do CEIP da Cruz,  lévannos dar un paseo por algúns dos lugares que se poden visitar na provincia de Pontevedra.

Aquí podedes escoitar a canción:





xoves, 20 de novembro de 2025

Tíralle da Lingua

 Por 2º ano consecutivo o noso cole participa no concurso de relato oral "Tíralle da Lingua"


Contaron as súas historias en total 6 nenas e nenos de 5º e 6º de Primaria.
Algunhas das historias contadas foron inventadas por eles, como "A noite de Samaín", "A serea de Sálvora" ou "As meigas do do Nadal e do Samaín". 
Tamén participaron con "A lenda da meiga de Viveiro", de "Galicia Encantada", ou un anaquiño do fermosísimo libro "Memorias dun neno labrego", do escritor Xosé Neira Vilas.

"Tíralle da lingua" é un proxecto da AS-PG, dirixido ao alumnado e profesorado, co obxectivo de incentivar e normalizar o uso oral da nosa lingua, converter o idioma en instrumento de comunicación normal, de creación e recreación de historias, de lingua de uso do noso sistema educativo, en definitiva, de devolverlle ao galego o espazo que lle corresponde. 

E sobre todo, asegurar a competencia na fala entre o noso alumnado.



luns, 20 de outubro de 2025

O SAMAÍN

Coñecemos a orixe e as lendas do Samaín:

 

Cóntanolo moi ben aquí:

Samaín/Defuntos/Halloween

Pola nosa parte, ademais da típica festa de Outono, fixemos un mural ben chulo na entrada do cole: 


E recibimos a visita da actriz e titiriteira Carmen Domech, que nos contou unhas historias de medo e nolo fixo pasar fenomenal cos seus monicreques.

Nas clases traballamos cos materiais que nos deixou, para montar un pequeno teatriño de Samaín: 


 



venres, 10 de outubro de 2025

HIMNO GALEGO

Este curso imos aprender moitas cousas sobre Galicia, e para empezar escollemos algo moi importante: o Himno Galego. 

É como a que representa a todos os galegos e galegas.

Quen fixo o himno?

  • O poeta Eduardo Pondal escribiu a letra, co seu poema "Os Pinos"

  • O compositor Pascual Veiga fixo a música. 
De que fala o himno?

O himno dinos que debemos estar orgullosos da nosa terra, da nosa lingua e da nosa maneira de ser. Anímanos a estar unidos e a coidar o que nos fai especiais.

Por que é importante?

Porque cada vez que soa, lembramos quen somos, de onde vimos e todo o que Galicia ten para ofrecer. 

É unha forma de dicir: “Aquí estamos, e estamos orgullosos da nosa terra!”

Que din os rumorosos
na costa verdecente,
ao raio transparente
do prácido luar?
¿Que din as altas copas
de escuro arume arpado
co seu ben compasado
monótono fungar?
Do teu verdor cinguido
e de benignos astros,
confín dos verdes castros
e valeroso chan,
non des a esquecemento
da inxuria o rudo encono;
desperta do teu sono
fogar de Breogán.
Os bos e xenerosos
a nosa voz entenden
e con arroubo atenden
o noso ronco son,
máis sóo os iñorantes
e féridos e duros,
imbéciles e escuros
non os entenden, non.

Os tempos son chegados
dos bardos das edades
que as vosas vaguedades
cumprido fin terán;
pois, donde quer, xigante
a nosa voz pregoa
a redenzón da boa
nazón de Breogán.